Tuesday 16 de April de 2024

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo traballou durante o 2015 en 33 diferentes proxectos de i+d+i


Este centro, dependente da Consellería do Medio Rural, actuou en temas como o millo forraxeiro, froitais, produción de leite, xestión sustentable de pastos, especies gandeiras autóctonas ou aspectos sanitarios da cabana gandeira

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Consellería do Medio Rural, tivo en execución durante o ano 2015 ata 33 diferentes proxectos de investigación, consolidándose así como un referente no I+D+i (Investigación, Desenvolvemento e Innovación) agrario en Galicia.

Estes proxectos estaban centrados en temas tan diversos como o millo forraxeiro, pratenses, silos, froitais, autentificación da orixe da produción do leite, xestión sustentable de pastos, producións con especies gandeiras autóctonas e os seus cruces, así como aspectos sanitarios da cabana gandeira. O CIAM alberga o banco de recursos fitoxenéticos máis importante da nosa Comunidade, polo que tamén desenvolveu diferentes actuacións relacionadas con este área.

Neste eido do I+D+i, o Centro de Mabegondo estableceu ademais convenios de colaboración e proxectos de investigación con 20 empresas de índole autonómica, nacional ou supranacional. Así, traballou con elas en cuestións tan variadas como a selección e mellora de variedades autóctonas de cereais, froitais, produtos hortícolas, cultivos e produtos para aproveitamento forraxeiro e en pensos, produción de carne e leite e as súas características e calidades, o estudo das enfermidades da cabana gandeira ou a proba de produtos fito e zoosanitarios.

No ano 2015 esta actividade investigadora trasladouse ao sector agrogadeiro con máis dun centenar de actividades de transferencia consistentes en xornadas técnicas, campos de ensaio, comunicacións a congresos e reunións científicas nacionais ou internacionais, docencia en cursos, publicacións científicas nacionais e internacionais e en revistas de divulgación agrogandeira, ademais de colaboracións audiovisuais con medios de comunicación.

Con máis de 125 anos de historia, o CIAM exerce todas cantas funcións lle son encomendadas en materia de investigación, innovación e transferencia en materias agrarias, incluída a agricultura, a gandeiría e a industria agroalimentaria, dende os puntos de vista da produción, a conservación e mellora xenética, a sanidade e o benestar, de xeito compatible co medio ambiente e a biodiversidade agraria.